Tuesday 14 de May de 2024

O Concello reafirma o seu compromiso co tecido industrial dando luz verde a unha moción para apoiar o enlace do polígono coa AC-552


 

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, sinala que se trata “dun enlace fundamental para garantir que o polígono teña as mellores comunicacións posibles e sexa máis competitivo”.
A rexedora manterá, a vindeira semana, unha nova reunión coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para arrincar o compromiso da Xunta de Galicia co financiamento deste proxecto.
Vimianzo, 26 de xuño– O Concello de Vimianzo celebrou hoxe, venres 26 de xuño, unha sesión do pleno ordinario na que se aprobou unha moción trasladada polo PSOE de Vimianzo á corporación municipal. A proposta baseábase na Plataforma Corredor Xusto –avalada por máis de 40 asociacións do municipio-, vinculada co enlace da vía de alta capacidade AC-552 co polígono de Vimianzo. O documento foi aprobado cos votos favorables do Partido Socialista de Vimianzo e Adiante Vimianzo e coa abstención do Partido Popular.

A aprobación deste punto reforza, unha vez máis, o compromiso que o goberno local vimiancés ten co tecido industrial do municipio. Tal e como explicou a alcaldesa, Mónica Rodríguez, “este enlace é fundamental para garantir que o parque industrial de Vimianzo teña as mellores comunicacións posibles e sexa máis competitivo”.

Adiante Vimianzo levou tamén ao pleno unha moción en relación con este enlace. Ao non dar tempo a levar a cabo unha comisión para tratar o documento do grupo municipal, tívose que elevar ao pleno como moción de urxencia. Aprobouse cos votos a favor do PSOE de Vimianzo e de Adiante Vimianzo e coa abstención do PP.

Reunión coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

“Vimianzo precisa este enlace, e irei a onde sexa necesario para conseguilo, Vimianzo está por enriba de todo”. Baixo esta premisa, a alcaldesa reunirase, a vindeira semana, coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. Rodríguez agarda que o encontro serva para encauzar unha problemática de “interese xeral e que afecta a moitas persoas que, non só traballan e son de Vimianzo, senón que tamén acoden desde outros puntos da Costa da Morte”, explica. Trátase, continúa a alcaldesa, “dun proxecto fundamental para o municipio. Desde o goberno local temos a esperanza de que a Xunta de Galicia adquira este compromiso financiando as actuacións”, conclúe. Rodríguez comenta que “a Xunta de Galicia xa financiou outras intervencións similares noutros municipios, polo que non entenderíamos que non se comprometese co proxecto vimiancés. Desde o goberno local seguiremos loitando para conseguilo”.